22.5.07

Axudaremos con 1.000 euros ás familias por cada nacemento

Hoxe fixemos unha rolda de prensa para profundizar no noso programa eleitoral e nas pautas que seguiremos cando regresemos á Alcaldía. É un programa feito por un equipo capaz e ilusionado, cunhas liñas de actuación reais, posibles e esixentes. Os populares pretendemos facer de Ames un concello de primeira.

Reequilibrio territorial, máis vivendas sociais e rebaixa de impostos

Como eixo principal sinalamos o propósito de rebaixar os impostos. No último pleno, a coalición de goberno PSOE-BNG escolleu o IPC máis alto, por comodidade, en contra da nosa opinión. Por tal motivo, revisaremos todos os impostos para modificalos á baixa.

En cuestión de urbanismo o máis urxente é a vertebración do concello, propiciando a unión efectiva dos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro. Ademais, destinaremos o 50% das zonas edificables para a construción de vivendas protexidas. Nestes catro anos non se fixo ningún piso social, perdendo así o índice modelo que tiña Ames na anterior lexislatura, gobernada polo Partido Popular. Para conseguir o equilibrio territorial, cómpre pór en marcha o transporte urbano en todo o termo municipal. Igualmente explicamos que para mellorar a calidade de vida dos amienses será necesario ter presenza permanente da Policía Local no Milladoiro e en Bertamiráns.

Outro piar da nosa política popular é a familia. A infancia, a mocidade, a terceira idade e as familias son os auténticos protagonistas dun estilo de vida e do avance social. Por iso, entre outras medidas, daremos axudas de ata 1.000 euros por cada novo nacemento, sendo necesario dende logo estar censado en Ames. Por outro lado, daremos facilidades no acceso a vivenda de aluguer a parellas mozas; faremos máis garderías e aumentaremos prazas; e impulsaremos con decisión o IES do Milladoiro.
Formación profesional, escola de idiomas e conservatorio de música
Activaremos a participación democrática dos mozos coa constitución dun Consello da Xuventude. E como accións directas faremos un complexo deportivo no Milladoiro, que terá piscina climatizada, un campo de fútbol e dúas pistas polivalentes. Tamén promoveremos a construción dun Conservatorio de Música e unha Escola Oficial de Idiomas, porque entendemos as linguas, as novas tecnoloxías e a linguaxe musical como formación esencial ou complementaria estes ámbitos do saber.

Claro que unha das nosas propostas máis cobizosas é a creación dun Instituto de Formación Profesional, con ciclos formativos de grao medio e superior. A nosa intención é que os estudantes non marchen a outros concellos. Ames ten que medrar e progresar sobre bases firmes.
Centros de día e mellor atención sanitaria
Na área sanitaria, os populares queremos que se amplíen os Centros de Saúde e se constrúan Centros de Día, para atender e prestar servizo a todas as parroquias, e sen esquecer nunca ao medio rural. Tamén lles dixemos aos xornalistas que acudiron a esta rolda de prensa que o PP de Ames necesita máis farmacias no Milladoiro, núcleo que con case 12.000 habitantes só ten unha botica.
Saneamento integral
Do mesmo xeito, cando cheguemos a alcaldía, os populares comprometémonos a estender finalizar o saneamento nas parroquias, así como a mellorar o abastecemento de auga. Está claro que, tras percorrermos as parroquias durante estas semanas, a zona rural foi esquecida e abandonada polo bigoberno de Carlos Fernández. E así nolo manifestaron os veciños.
Unha web institucional e que permita aboar taxas
Finalmente, un punto que abordamos foi a tramitación telemática dos procedementos administrativos. Recalcamos que é indignante e abusivo que o goberno do PSOE e BNG gasten 7.500 euros ao mes nunha páxina web, que só informa a modo de escaparate. Por eses cartos e a estas alturas, o mínimo esixible é que se poidan aboar as taxas e impostos municipais. Unha modelo de web avanzada e institucional.

No hay comentarios: