17.3.07

O noso Concello necesita un alcalde Popular (discurso íntegro na presentación oficial o 16.03.07 na Casa da Cultura do Milladoiro)




Benqueridas veciñas e veciños, amigas e amigos do Partido Popular.

Estimados presidentes de honra don Gerardo Fernández Albor e don José Manuel Romay Beccaría, presidente rexional Alberto Núñez, presidente provincial Juan Juncal, diputados nacionais e autonomicos, alcaldes, presidentes dos comités da comarca e concelleiros que hoxe vos dades cita aquí.

Gracias ante todo á miña muller, Carolina, a meus pais, irmáns e amigos. Gracias por acompañarme hoxe neste acto tan importante para a miña vida.

Gracias tamén ó meu amigo e estreito colaborador, querido Moncho Argibay.

Hai pouco mais dun ano que comezamos unha nova andaina no Partido Popular de Ames, e gustaríame facer un agradecemento especial ós membros do grupo municipal, co seu portavoz José Ramón Agra á cabeza, pola súa colaboracion e sintonía con tódolos membros que formamos o equipo directivo do PP en Ames.

Tamén me gustaría facer un recoñecemento especial ó que foi o noso Alcalde durante os últimos anos, Pepe Astray; porque sen a colaboración de todos eles o camiño sería máis longo e difícil.

O traballo de todos indica que en Ames o Partido Popular mantén unha presenza e penetración veciñal máis que relevante. Temos partido, querido Alberto, pero sobre todo temos equipo, porque temos as persoas.

Tan só nos queda facer chegar á xente a nosa mensaxe e o noso proxecto.

Prezadas veciñas, queridos compañeiros: o Partido Popular de Ames está
preparado para gobernar.

Porque temos ilusión! pero tamén solidez e solvencia.
Porque somos novos! pero tamén capaces e comprometidos.
Porque aportamos entusiasmo! pero tamén esforzo e dedicación.

E digo máis. Estamos preparados para gobernar por moitas razóns:
-porque escoitamos á cidadanía
-porque miramos adiante
-porque temos capacidade
-porque respiramos ilusión
-porque somos esixentes e responsables
-porque aportaremos xestión e cohesión

En definitiva, porque somos un equipo á imaxe e semallanza da sociedade de Ames.

Amigas e amigos: Quero un concello moderno e confortable que atenda a todos por igual, ós núcleos rurais , parroquias, urbanizacions e núcleos urbanos.

O concello de Ames experimentou na última década un crecemento espectacular, converténdose no máis novo de Galicia e nun dos tres máis novos de España. Nada máis e nada menos.

Que quere dicir esto? Pois significa dúas cousas :

1º.- Que os veciños que vivimos neste concello temos unha media de idade que non supera os 38 anos.

e 2º.- Que as necesidades que demandan veciñas e veciños terán que ir parellas óss servizos que presta o noso Concello.

Pero agora, esto non é así. A sociedade vai por diante do que actualmente a coalición de goberno PSOE-BNG está a facer.

O Partido Popular obtivo nas anteriores eleccións municipais de 2003 o 40% dos votos emitidos, faltounos un puñado de votos para ter maioria absoluta. Ese é o noso gran reto: a maioría absoluta, porque non chega con gañar as eleccións, como sabedes.

Temos que ir a por todas se queremos levar de novo o noso proxecto económico e social ao Goberno de Ames, o programa do Partido Popular.

Nestes catro anos o pacto PSOE-BNG trouxo dous gobernos paralelos, dous modelos de xestion que conlevaron en moitas ocasións numerosas duplicidades, tanto orzamentarias como executivas.

A día de hoxe, debido ás súas discrepancias, ó seu electoralismo e á súa incapacidade, non foron quen de poñerse de acordo para sacar adiante algo tan esencial como os orzamentos municipais. E así, que podemos esperar? Nada, só caos e retroceso.

Por este motivo as nosas veciñas e veciños teñen que sufrir a ausencia de investimentos, así como tódolos inconvintes e penurias que asolan a un Concello sin orzamentos.

Antes de facer un breve repaso dos últimos catro anos de bigoberno socialista-nacionalista, invítovos a facer unha reflexion:

Que cambiou no noso concello nesta lexislatura?

Non perdades o tempo, a realidade é que non se fixo ningún investimento significativo.

Os camiños e as pistas seguen sendo as mesmas, pero en peor estado de conservación.

As zonas rurais presentan un estado de abandono lamentable.

En urbanismo, non se produciu ningun cambio; mellor dito, si houbo un cambio no Milladoiro: pasouse de cinco alturas, por certo moi criticadas cando estaban na oposicion, de cinco a sete alturas. Para que logo nos veñan a dar leccións aquí ou no litoral.

Pero aínda hai máis. O vertedoiro de Piñeiro segue sen selarse a pesar do acordo plenario do ano 2002.

O paseo fluvial de Bertamiráns esta abandonado.

O saneamento realizado durante estes catros anos non chega ó 5 por cento.

Queredes máis. Ó local de Proteccion Civil, en Aguapesada, rematado no ano 2003, non se lle deu uso, e seguimos dependendo de Protección Civil de Brión. O edificio está completamente deteriorado.

A travesía do Porto e Agro do Medio en Milladoiro, Tarrío ou o acceso a Ventín ofrecen un estado de abandono das súas estradas e beirarrúas.

O local municipal do Milladoiro está en obras permanentes dende o 2004.

Non vos quero cansar nin desanimar ante este panorama. Así que cambiemos o escenario e falemos doutra realidade.

A outra realidade é que as casas de cultura, as piscinas, as bibliotecas, as garderías, as zonas recreativas xa estaban feitas cando gobernábamos nós.

Cando escoitamos e vemos que o bipartito anuncia algunha medida como pode ser o instituto ou o centro de saúde do Milladoiro, comprobamos que queda en palabras, castelos no aire. En fin. Nos últimos tempos lemos e escoitamos nos medios de comunicación anuncios e promesas de investimentos que se van facer no concello. Que bonito.

Xusto dous meses antes das eleccions municipais anuncian a bombo e platillo investimentos e medidas a longo prazo, cuxos trámites burocráticos nin están esbozados.

Os investimemtos realizados no ano 2004 non chegaron ó 20 por cento na súa execución, e dicir, de cada 100 pesetas destinadas a investimentos só se executaron 20 pesetas, unha quinta parte.

As contas do ano 2005 aínda non se presentaron ó pleno, e o Consello de Contas xa as reclamou. A crúa realidade é que temos a débeda máis alta da historia de Ames. Os dez millóns e medio de euros de débeda fan que o noso Concello roce o máximo legal permitido.

Non hai recursos económicos suficientes para manter a actividade do noso Concello, e por iso teñen que recorrer á venda de patrimonio, como as parcelas de Bertamirans e Milladoiro.

O problema xorde cando a imprevisión e a descoordinación do bipartito trae precipitación á hora de intentar vender este patrimonio, quedando deserta a subhasta. Como consecuencia disto, vense abocados a pedir créditos por valor de dous millóns de euros para intentar no que queda de lexislatura cumprir as súas promesas. Todos nos acordamos do colexio de Ventín e o seu comedor. A día de hoxe non hai perspectivas de cambio.

Eu teño moi claro que un Concello que ten case vintecinco mil habitantes, ten que facer xestión tódolos días do ano, e non os tres últimos meses anteriores ás elecciones municipais

Chegados a este punto, eu fágome unha pregunta: Que fixeron cos vintedous millóns e medio de orzamento?

Eso terano que aclarar diante do Consello de Contas, e no pleno cando se publiquen as contas de 2005 e 2006. Será ahí onde lles pediremos responsabilidades polo despilfarro dos cartos de tódolos amienses.

A miña proposta de goberno está feita con sentido responsable, esixente e construtivo. Teño unha preocupacion efectiva polo benestar de todas e todos, das mulleres, dos maiores, dos xoves, de tódolos que son de aquí e de tódolos que viñeron de fóra a convivir con nós.

O noso proxecto é integrador, plural, social. Non excluiremos a ninguén. Un alcalde é para todas e todos.

Por tanto, e acabo xa, eu ofrezo un equipo sólido, unido, coordinado, capaz, ilusionado, esixente e responsable. Pero precisamos da axuda e contribución de todos vós, para facer máis grande o Partido Popular de Ames. Non chegaremos a ningures sen vós. Así que fomentemos dende agora mesmo a implicación do maior número posible de amienses.

Amigas e amigos: Son novos tempos e imos conquistalos. Con vocación de servizo público, con entusiasmo, con esforzo, con dedicación e con compromiso. Compromiso con Ames… e con Galicia.

O noso Concello necesita un alcalde popular.

Moitas grazas

No hay comentarios: