25.5.07

Bertamiráns foi testemuña dun PP unido e leal a Ames e aos veciños


SANTIAGO AMOR, UN ALCALDE PARA TODOS SEN DISCRIMINACIÓN

O peche de campaña vívese intensamente nestes días en Ames. Con máis forzas que nunca, pese ao cansancio, as polémicas e as falsas acusacións, amosamos en Bertamiráns que somos un grupo unido, fieis uns cos outros, agradecidos coa lexislatura popular anterior e leais ás persoas, aos veciños, en definitiva, leais a Ames.

Cun emocionado discurso do candidato número cinco, José Pérez Bello, iniciaba o penúltimo mítin esta pasada noite na Casa da Cultura de Bertamiráns. Pepe explicou ante os veciños que fala tranquilo diante da xente, cara a cara, como xa o viña facendo no Concello, como concelleiro, e como o seguirá facendo nas rúas como veciño de Bertamiráns; "onde me coñecen -dixo- e saben que son un traballador honrado". Afirmou coa cabeza moi alta que non ten nada que agachar. Pepe Pérez, como o coñecedes vós, engadiu que traballa para favorecer a todas as empresas de Ames, a todas as veciñas e veciños de Ames, a todo o concello, a todos e para todos, sen distinguir a súa cor política.

Co mesmo espírito e enerxía falou o candidato número oito, Emilio Martínez Carballeira, quen preguntou en alto que cambiara en Bertamiráns no goberno formado polo PSOE e o BNG. Emilio reclamou eses cambios “dos que presumen os socialistas e os nacionalistas” e asegurou que o núcleo de Bertamiráns non tiña nada novo, que nada mellorara e que todos os servizos dos que dispón foron dispostos pola anterior lexislatura popular. Este bigoberno Fernández, subliñou, “só nos trouxo unha débeda de máis de 10 millóns de euros, unha páxina web que costa 7.500€ e non serve para nada e máis impostos a cambio de nada”.

Arroupados por máis de 200 persoas e polo senador por A Coruña, Miguel Pampín, os populares de Ames demostramos a dous días das eleccións que seremos un goberno para todos, que somos un grupo renovado, onde hai xuventude, ilusión e onde cada unha das persoas que integran a lista leva consigo a firme idea de traballar por e para Ames. En palabras de Miguel Pampín, “o equipo popular conxuga xuventude e a experiencia dos concelleiros en funcións que repiten na lista; leva mulleres valoradas polas súas aptitudes e non por acatar unha lei de igualdade e paridade que resulta máis discriminatoria que a discriminación en si”.

Pampín dirixiuse a min “como amigo”, e afirmou que serei Alcalde e que gobernarei con fidelidade e lealdade ao pobo de Ames. Tamén expresou a súa satisfacción con respecto ao programa e á candidatura, porque para el reflicten e aseméllanse ao concello de Ames, dixo convencido.

Pola miña parte, lembreilles aos veciños de Bertamiráns que o paseo fluvial necesitaba limparse e amañarse, que a ordenación do tráfico era urxente, que a ampliación da Casa da Cultura estaba parada, que os cidadáns non se senten seguros e que fai falta máis vixilancia policial, e así unha innumerable lista que o actual rexedor, Carlos Fernández, se encargou estes anos de encher diariamente, de cousas que deixou sen facer. Con todos os cartos gastados nesta lexislatura, non me explico onde están os beneficios dos que presume o primeiro edil.

Unha vez máis, comprometinme a baixar os impostos, dar axudas de ata 1.000€ por nacemento, vertebrar o territorio, implantar transporte urbano en todo o termo municipal, destinar o 50% do aproveitamento do solo para facer vivendas protexidas, facer garderías e centros de día, e construír un Instituto de Formación Profesional, un Conservatorio de Música e unha Escola de Idiomas. En conclusión, presentei un proxecto que reflicte como quere ser Ames a curto prazo, e como se asemella o Partido Popular á xente deste concello, á xente de Bertamiráns.

Declaro que exercerei como Alcalde de todas as veciñas e veciños de Ames, e non só daqueles que nos voten, porque o PP é un partido que non menospreza a ninguén, aínda que teña ideas, cor, ou unha política diferente da nosa.

No hay comentarios: