11.5.11

PSOE+BNG=CARLOS FERNANDEZ// O PARTIDO POPULAR É A ALTERNATIVA. O PARTIDO POPULAR TEN UN ÚNICO PROXECTO E UN ÚNICO PROGRAMA. PRESÉNTOVOLO...


Tal e como posiblemente saberedes esta semana estamos achegándonos ata tódalas aldeas do concello de Ames para transladarlles ós veciños as melloras e proxectos que propón o Partido Popular para a zona na que viven. O luns día nove estivemos en Augapesada, o martes tocoulle a Biduido e hoxe mércores estivemos en Bugallido.
O PP de Ames reuniuse coas distintas asociacións, veciños e colectivos das parroquias para coñecer as súas necesidades. Deste xeito, puidemos elaborar un proxecto de melloras específico para cada zona. Aquí vos expoño as nosas propostas para as aldeas de Augapesada, Biduido e Bugallido. Coma sempre, estamos e estaremos abertos a escoitar o que os veciños nos suxiran e soliciten.

En Augapesada as principais necesidades que detectamos son as seguintes:

Numerar as casas, facer beirarrúas ou beiravías para que sexan máis seguros os paseos e as estradas. levar a cabo a ampliación do ancho das pistas da aldea para que poidan pasar dos coches ó mesmo tempo. Arranxar o túnel das Pateiras, darlle continuidade á senda, iluminar e facer un paso de peóns con visibilidade. Queremos facer unha beirarrúa ou carreiro dende o Colexio de Barouta. Cremos que é necesario tamén poñer un semáforo no cruce de Lombao que se poña en vermello para regular a velocidade. Tamén nos gustaría poñer bancos nos tramos das "rutas do colesterol", e levar saneamento e abastecemento de augas, ó colexio de Barouta, a Outeiro, e a Cruxeiras.
Tamén sabemos que hai problemas de asolagamento de augas na marquesiña de Augapesada, nun tramo recto onde hai beirarrúas, e cremos que se debe poñer solución a ese problema. É preciso tamén reformar o local social onde se reúne a asociación "Pedra do Fuso" para que non teña humidade nas paredes e o chan sempre mollado.
Queremos tamén preguntar na Xunta como está a situación da concentración parcelaria no Monte da Costa e por suposto, queremos levar un bo servizo de Internet a Augapesada, algo que consideramos imprescindible en todo o rural de Ames.


En Biduído as principais necesidades que detectamos son as seguintes:

Cremos que é preciso arranxar beirarrúas dende a rotonda anterior á vía do tren ata o Milladoiro, reparar a estrada de Framil ó Pico que vai dar a Barreiro, e facer unha área de lecer no fondo das Mimosas, en Biduído de Abaixo. Os Populares propoñemos tamén a posibilidade de facerse coa propiedade da "masa común" deixada pola parcelaria. Queremos tamén arranxar a entrada á igrexa.

No noso proxecto tamén contemplamos a recuperación do paso do Camiño Portugués obturado polo ramal que comunica coa Autovía Santiago-Noia. Queremos repartir mellor o alumeado en Framil e dotar tamén de beirarrúas a Costoia e Saboi. levaremos o tranporte de Framil a Bertamiráns. Gustaríanos dividir o campo da festa en dúas zonas, unha para xogos e outra para aparcamento.

Dentro do noso proxecto para Biduído está tamén a idea de falar cos veciños sobre a "Senda Verde", estudar os pros e os contras e ver cal será o futuro desta Senda, un futuro que se decidiría baixo consenso. Gustaríanos tamén establecer un convenio coa asociación "As Penedas", propietaria do campo de fútbol, para darlle a este campo un mellor aproveitamento (pensamos que, por exemplo, podería usalo o colexio de Bentín).

Estas son as necesidades que cremos que ten Bugallido:

É importante facer beirarrúas dende Eirapedriña a Costoia, facer un parque infantil en Bugallido, no lugar da Igrexa, e levar a luz pública dende o Cementerio a Firmistáns. É necesario tamén ampliar o ancho das pistas para que pasen dous coches.

Para nós as necesidades do lugar de Tarrío son:

Facer un bo muro de peche da finca que está no Centro Cultural, dotar de zona "wiffi" ó local social ( isto sabemos que é preciso en máis locais, e estamos abertos a este tipo de peticións). No lugar de Tarrío o teito da fonte pública é perigoso e descoñécese a potabilidade da auga, habería que realizar análises periódicas e controlar esta auga así coma arranxar o teito da fonte.

Os veciños de Tarrío gustaríalles ter un parque infantil, e a nós gústanos tamén a idea de levar ó rural este tipo de infraestructuras, tamén sería preciso ampliar a estrada cara a Raíces.

Un dos puntos clave no noso proxecto é coidar e recuperar o patrimonio de Ames. Para iso empezaremos por recuperar e actuar na finca do muíño e no carreiro que leva a este. Tamén queremos recuperar os petróglifos.

Contamos con levar o transporte interparroquial a Bugallido e ampliar a estrada pola que pasa o bus. É importante tamén dotar a parroquia dun transformador eléctrico soterrado para aumentar a potencia, e por suposto, numerar as casas.


En xeral...

En xeral en todo o rural eu e o meu equipo cremos que é imprescindible levar a banda ancha para que haxa unha mellor conexión a Internet, pensamos que é importante tamén dotar de Transporte Metropolitano ás aldeas e facilitarlles ós mozos a práctica de actividades coma o deporte, a música, viaxar...

Sempre...

Estamos abertos a estudar todo o que os veciños nos queiran/queirades suxerir. No Partido Popular de Ames, podedes CONFIAR.

No hay comentarios: