30.4.11

Temos un proxecto con 10 claras propostas para mellorar Ames


O Partido Popular de Ames porá tódalas súas forzas e ilusión en cumplir un decáloco de propostas para mellorar Ames e a calidade de vida de tódolos veciños. Queremos expoñer con claridade un proxecto feito para todos, velaiquí o noso decálogo:

Primeiro: Austeridade e racionalización do gasto dándolle prioridade sempre ós servizos básicos. Para elo unha das primeiras medidas que tomaremos será o saneamento das nosas contas e un Plan de Equilibrio Financieiro imprescindible para poder desenvolver tódalas políticas sociais de promoción do emprego, conciliación, melloras na educación etc.

Segundo: Levaremos a cabo proxectos con valor engadido como unha escola oficial de idiomas e unha escola superior de música.

Terceiro: Traballaremos para establecer as bases para crear unha gran área deportiva, empezando por levar a cabo un plan de mellora das instalacións actuais. Artellaremos un sistema de escolas deportivas que irán máis alá dos catorce anos para que as mozas e mozos de Ames teñan a posibilidade de seguir practicando a súa actividade deportiva favorita ata cando queiran.

Cuarto: Fomentaremos as políticas sociais de ocio e tempo libre orientadas ós nosos maiores e poremos todo o empeño en ter un Centro de Día.

Quinto: Poremos en marcha un estudo de viabilidade do transporte no rural de xeito que cumpla cos obxectivos marcados no Transporte Metropolitano para que o feito de vivir no rural en lugar de ser un problema, sexa un valor. Completaremos o saneamento e o abastecemento, coidaremos e restauraremos o noso patrimonio etnográfico.

Sexto: Levaremos a cabo a ampliación da depuradora de Sisalde en Bertamiráns xa que verte máis do 50% dos seus residuos sen depurar ó río Sar. Esta sensibilización polo medio natural xa foi recollida polo grupo municipal popular, que presentou unha iniciativa no Pleno da Corporación solicitando do grupo socialista a tramitación coa maior bevedade posible da súa ampliación. O Alcalde de Ames gardou a nosa iniciativa nun caixón renunciando á posibilidade de que a súa ampliación fora financiada con fondos europeos. Dende o PP levaremos a cabo coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Infraestructuras e Augas de Galicia a súa ampliación.

Séptimo: Implantaremos progresivamente todos os trámites administrativos que se poidan, de xeito que se poidan facer vía Internet. Para evitar que haxa cidadáns de primeira e cidadáns de segunda levaremos as novas tecnoloxías ó rural do noso concello.

Oitavo: Coa colaboración da Consellería de Medio Rural faremos un plan anual para o acondicionamento e o mantemento das pistas do noso Concello procurando que se entreguen as zonas de concentración parcelaria que aínda están pendentes de rematar como a de Viduido-Bugallido.

Noveno: Faremos unha xestión urbanística transparente e efectuaremos as modificacións puntuais do Plan Xeral que sexan precisas para acadar solo dotacional e así facer posible a construcción da escola infantil e a gardería de Bertamiráns, a escola infantil de Milladoiro, e por suposto, para a urxente posta a disposición dos terreos para o centro de Saúde do Milladoiro.

Décimo: Faremos un regulamento de participación cidadá para que tódolos veciños podan ter voz nos plenos ordinarios que se celebren cada mes no noso concello. Do mesmo xeito, nese regulamento quedarán fixadas as visitas e encontros nos locais sociais así como a súa periodicidade.

Este decálogo de medidas só serán posibles se o vindeiro 22 de Maio obtemos a maioría absoluta necesaria para gobernar. Podes confiar en nós.

No hay comentarios: