11.5.11

PSOE+BNG=CARLOS FERNANDEZ// O PARTIDO POPULAR É A ALTERNATIVA. O PARTIDO POPULAR TEN UN ÚNICO PROXECTO E UN ÚNICO PROGRAMA. PRESÉNTOVOLO...


Tal e como posiblemente saberedes esta semana estamos achegándonos ata tódalas aldeas do concello de Ames para transladarlles ós veciños as melloras e proxectos que propón o Partido Popular para a zona na que viven. O luns día nove estivemos en Augapesada, o martes tocoulle a Biduido e hoxe mércores estivemos en Bugallido.
O PP de Ames reuniuse coas distintas asociacións, veciños e colectivos das parroquias para coñecer as súas necesidades. Deste xeito, puidemos elaborar un proxecto de melloras específico para cada zona. Aquí vos expoño as nosas propostas para as aldeas de Augapesada, Biduido e Bugallido. Coma sempre, estamos e estaremos abertos a escoitar o que os veciños nos suxiran e soliciten.

En Augapesada as principais necesidades que detectamos son as seguintes:

Numerar as casas, facer beirarrúas ou beiravías para que sexan máis seguros os paseos e as estradas. levar a cabo a ampliación do ancho das pistas da aldea para que poidan pasar dos coches ó mesmo tempo. Arranxar o túnel das Pateiras, darlle continuidade á senda, iluminar e facer un paso de peóns con visibilidade. Queremos facer unha beirarrúa ou carreiro dende o Colexio de Barouta. Cremos que é necesario tamén poñer un semáforo no cruce de Lombao que se poña en vermello para regular a velocidade. Tamén nos gustaría poñer bancos nos tramos das "rutas do colesterol", e levar saneamento e abastecemento de augas, ó colexio de Barouta, a Outeiro, e a Cruxeiras.
Tamén sabemos que hai problemas de asolagamento de augas na marquesiña de Augapesada, nun tramo recto onde hai beirarrúas, e cremos que se debe poñer solución a ese problema. É preciso tamén reformar o local social onde se reúne a asociación "Pedra do Fuso" para que non teña humidade nas paredes e o chan sempre mollado.
Queremos tamén preguntar na Xunta como está a situación da concentración parcelaria no Monte da Costa e por suposto, queremos levar un bo servizo de Internet a Augapesada, algo que consideramos imprescindible en todo o rural de Ames.


En Biduído as principais necesidades que detectamos son as seguintes:

Cremos que é preciso arranxar beirarrúas dende a rotonda anterior á vía do tren ata o Milladoiro, reparar a estrada de Framil ó Pico que vai dar a Barreiro, e facer unha área de lecer no fondo das Mimosas, en Biduído de Abaixo. Os Populares propoñemos tamén a posibilidade de facerse coa propiedade da "masa común" deixada pola parcelaria. Queremos tamén arranxar a entrada á igrexa.

No noso proxecto tamén contemplamos a recuperación do paso do Camiño Portugués obturado polo ramal que comunica coa Autovía Santiago-Noia. Queremos repartir mellor o alumeado en Framil e dotar tamén de beirarrúas a Costoia e Saboi. levaremos o tranporte de Framil a Bertamiráns. Gustaríanos dividir o campo da festa en dúas zonas, unha para xogos e outra para aparcamento.

Dentro do noso proxecto para Biduído está tamén a idea de falar cos veciños sobre a "Senda Verde", estudar os pros e os contras e ver cal será o futuro desta Senda, un futuro que se decidiría baixo consenso. Gustaríanos tamén establecer un convenio coa asociación "As Penedas", propietaria do campo de fútbol, para darlle a este campo un mellor aproveitamento (pensamos que, por exemplo, podería usalo o colexio de Bentín).

Estas son as necesidades que cremos que ten Bugallido:

É importante facer beirarrúas dende Eirapedriña a Costoia, facer un parque infantil en Bugallido, no lugar da Igrexa, e levar a luz pública dende o Cementerio a Firmistáns. É necesario tamén ampliar o ancho das pistas para que pasen dous coches.

Para nós as necesidades do lugar de Tarrío son:

Facer un bo muro de peche da finca que está no Centro Cultural, dotar de zona "wiffi" ó local social ( isto sabemos que é preciso en máis locais, e estamos abertos a este tipo de peticións). No lugar de Tarrío o teito da fonte pública é perigoso e descoñécese a potabilidade da auga, habería que realizar análises periódicas e controlar esta auga así coma arranxar o teito da fonte.

Os veciños de Tarrío gustaríalles ter un parque infantil, e a nós gústanos tamén a idea de levar ó rural este tipo de infraestructuras, tamén sería preciso ampliar a estrada cara a Raíces.

Un dos puntos clave no noso proxecto é coidar e recuperar o patrimonio de Ames. Para iso empezaremos por recuperar e actuar na finca do muíño e no carreiro que leva a este. Tamén queremos recuperar os petróglifos.

Contamos con levar o transporte interparroquial a Bugallido e ampliar a estrada pola que pasa o bus. É importante tamén dotar a parroquia dun transformador eléctrico soterrado para aumentar a potencia, e por suposto, numerar as casas.


En xeral...

En xeral en todo o rural eu e o meu equipo cremos que é imprescindible levar a banda ancha para que haxa unha mellor conexión a Internet, pensamos que é importante tamén dotar de Transporte Metropolitano ás aldeas e facilitarlles ós mozos a práctica de actividades coma o deporte, a música, viaxar...

Sempre...

Estamos abertos a estudar todo o que os veciños nos queiran/queirades suxerir. No Partido Popular de Ames, podedes CONFIAR.

8.5.11

Grazas a todos por pasar con nós un domingo tan especial



Hoxe foi para o Partido Popular de Ames un domingo moi especial. Organizamos no Pavillón Polideportibo de Bertamiráns unha comida mitin á que asistiu o Presidente Feijóo. Ademais acompañounos o Secretario Provincial Diego Calvo, o candidato popular á alcaldía de Santiago, Xerardo Conde Roa, o Conselleiro Samuel Juárez e moitos veciños que quixeron gozar con nós desta xornada festiva.
Quero dárllelas grazas a todas esas persoas que nos estiveron apoiando, e ás que non puideron estar hoxe con nós pero que tamén nos teñen en conta. A partires de agora o traballo que nos queda é levar a nosa mensaxe e o noso proxecto a cada curruncho de Ames, para que me coñezades, para que coñezades o traballo que soña con poder facer polo seu concello a candidatura dos Populares de Ames.
Achegádevos ós mítines que imos dar estes días por distintos lugares do concello, mañá luns estaremos no local social de Augapesada ás nove da noite e o martes iremos a Biduído tamén ás nove da noite. Non faremos os mítines para inxuriar ou insultar ó PSOE nin ó BNG, como sí ten feito co Partido Popular o alcalde Carlos Fernández, o que faremos é presentarvos as nosas propostas sobre seguridade, economía, melloras no rural, urbanismo , melloras nos equipamentos deportivos e nas escolas deportivas... Ademais queremos que saibades que crearemos un Centro de Día en Ames, unha Escola oficial de Idiomas, unha Escola Superior de Música, e NUNCA imos sacar servizos coma os comedores escolares, ou outros que son positivos para o noso concello, o que sí faremos, sen dubidalo, é melloralos; porque necesitan melloras.
O concello de Ames precisa ademais racionalidade e austeridade, e só o Partido Popular pode recuperar este aspecto económico.
Con menos faremos máis, por todos vós, e para todos vós. Por iso, porque estamos centrados en vós, vos pido que confiedes en nós o vindeiro 22 de maio, e que nos axudedes a acadar a maioría absoluta.
Moitas grazas por todo, contamos con vós. Agardámosvos, agárdovos.

6.5.11

Pegada de carteis


Toda a candidatura estivo xunta o día cinco pola noite, ás doce, para iniciar a pegada de carteis. Comezamos esta pegada na plaza Manuel Murguía do Milladoiro, logo continuamos en Bertamiráns. Estamos cargados de ilusión e ganas de expoñer as nosas propostas e de traballar para os veciños de Ames.

4.5.11

O TSX anula a Xunta de Compensación do S-15 do Milladoiro e o PP denuncia máis irregularidades na declaración patrimonial de Carlos Fernández


Unha sentencia anula a Xunta de Compensación do sector urbanístico S-15 do Milladoiro, o PP de Ames advertiu en varias ocasións de irregularidades en torno a dito sector como a inexistencia dun convenio, que a lexislación do solo sí esixe tanto a nivel autonómico como estatal

O Partido Popular de Ames denuncia que o alcalde socialista, Carlos Fernández omite na súa declaración de bens polo menos 20.000 euros por arrendamentos á empresa Mercadona S.A así como as percepcións como Presidente da Fegamp, que tampouco figuran na declaración presentada ante o Concello

Carlos Fernández segue sen aportar a documentación da declaracion da renda e a vida laboral, pola súa parte o voceiro municipal do PP, Santiago Amor fixo pública hoxe a súa declaración da renda
Un fillo do ex-xefe de Carlos Fernández estivo a facer prácticas no Departamento de Urbanismo do Concello de Ames no ano 2005.


Ames, 3 de maio de 2011. O Partido Popular de Ames denuncia unha actitude de escurantismo por parte de Carlos Fernández xa que existen diferencias entre a declaración de bens que publica na súa web, e a que hai no concello. Na declaración do concello omite os ingresos como presidente da FEGAMP, que ascenden a 38.000 euros anuais aproximadamente, cantidade que suma aproximadamente máis de 152.000 euros nos catro anos. Tamén omite na súa declaración do concello ingresos patrimoniais por 29.000 euros. Carlos Fernández cobra como Alcalde e Presidente da Fegamp ó ano máis que o presidente da Xunta, e incluso máis que o propio Presidente do Goberno.

Pero “hai unha omisión que nos parece máis grave” apunta o presidente dos populares de Ames, Santiago Amor, “e é que non figura nin na web do PSOE nin na declaración do Concello o ingreso de polo menos 20.000 euros en concepto de alugueres dun local ou locais á empresa Mercadona S.A”. Ese é un dato do ano 2007 que debería estar na declaración do concello. De ahí a insistencia dos populares de que Carlos Fernández presente a declaración da renda dende o ano 2007 e de que aclare eses ingresos dos que o PP de Ames ten constancia.

O PP de Ames esixe dunha vez por todas ó Alcalde de Ames, Carlos Fernández que poña enriba da mesa as súas declaracións de bens dende o ano 2007 así como a súa vida laboral.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula a Xunta de Compensación do S-15

O concelleiro popular, Ramón G. Argibay, volveuse referir ás irregularidades do S-15. O 28 de abril no Pleno de Ames o PP abstívose na votación da aprobación definitiva deste plan parcial que contou cos votos favorables do PSOE e do BNG. Abstivose entre outras cousas pola inexistencia do convenio que regula a normativa sobre o solo tanto a nivel autonomico como estatal.

O alcalde non aclarou si existia ou non dito convenio caendo en numerosas contradicións . Agora, un sentenza anula a Xunta de Compensación do Sector S-15 do Milladoiro, tal e como advertiron en numerosas ocasións del o Partido Popular en canto ás irregularidades nas que incorre ese sector.

En palabras de Ramón G. Argibay “o tempo pon a cada un no seu lugar. As presas a falla de xestion urbanistica , probocaron un retraso de oito anos no desenvolvemento urbanístico do Milladoiro así coma a grave carencia que representa que non se poda construir o novo Centro de Saúde do Milladoiro que debería estar nese sector e ser xa unha realidad”.

A consellería de Sanidade solicitou o ano pasado licencia para a construcción do novo Centro de Saúde no Milladoiro e pola falta de xestión urbanística do alcalde vaise demorar aínda máis que poidan comenzar as obras deste centro de Saúde como consecuencia desta nova sentencia en contra dos intereses do Concello.

O PP insiste en que se o socialista Carlos Fernández non presenta a declaración da renda e o informe de vida laboral, non estará lexitimado para presentarse como candidato á alcaldía de Ames. Neste senso o candidato popular, Santiago Amor, fixo pública hoxe ante os medios a súa declaración da renda e dixo que el “non ten nada que ocultar”.
O fillo do ex-xefe de Carlos Fernández estivo a realizar prácticas no departamaneto de Urbanismo do Concello de Ames no ano 2005, ditas prácticas se enmarcaron nun convenio suscrito entre o Concello de Ames e o Centro de Estudos Garrigues ,unha coincidencia máis.

3.5.11

Os candidatos do Partido Popular da comarca de Santiago queren ofrecerlle ós veciños unha área metropolitana integrada e estructurada


Conde Roa lembra que Santiago non pode deixar de contar cos concellos limítrofes e sostén que hai que gobernar para unha poboación duns 180.000 habitantes e que solucionar de forma conxunta os problemas é posible

Santiago Amor valora moi positivamente a iniciativa de levar a cabo proxectos en común e destaca a colaboración con Santiago no tema mendioambiental, na sinalización ou no tráfico, entre outros

Ames, 2 de maio de 2011. O candidato popular á alcaldía de Santiago, Xerardo Conde Roa, manifestou hoxe que Santiago e os seus arredores están profundamente vencellados polo que se fai necesario contar cos concellos limítrofes para resolver moitos problemas que se poden solucionar de xeito conxunto, como son o transporte, o tráfico, servizos mancomunados e incluso infraestructuras viarias.

A área de Santiago ten unha poboación en torno a 180.000 habitantes e os concellos non poden funcionar desmenbrados pois “temos unha poboación con actividades en común e que se intercambia constantemente” apuntou Conde Roa. O candidato Santiagués móveo un espírito de colaboración para abordar problemas dende unha óptica comarcal dende o diálogo e a comunicación.

Na rolda de prensa, Conde Roa tamén citou unha serie de accións que é posible desenvolver entre todos como é o impulso definitivo ó transporte metropolitano coa implantación do metro lixeiro, así como a reestructuración dos aparcamentos de borde, que deben estar ligados ó transporte público.

A elaboración de plans de servizos mancomunados foi outro dos temas dos que falou Conde Roa para indicar que é posible facer a xestión de residuos conxuntamente e incluso mancomunar servizos como as redes de saneamento e abastecemento de auga e tratamento de aguas residuais. A esto sumou a necesidade de resolver problemas medioambientais como a rexeneración dos ríos Sar e Tambre e incluso abordar as infraestruturas viarias entre as que se atopa a finalización da autovía Santiago-A Estrada, ou a mellora da rede interior de estradas entre os municipios.

Na súa intervención o candidato á alcaldía de Ames, Santiago Amor, sumouse especialmente á necesidade de levar a cabo conxuntamente melloras nas depuradoras de Silvouta, de Santiago, e a de Sisalde en Ames, para rexenerar o entorno do río Sar e mellorar a calidade das súas augas. Tamén incidiu na necesidade se sinalizar o Polígono de Milladoiro e en que esta colaboración vai polo bo camiño, e non como a da fusión das policías de Ames e Brión, que non era equilibrada.

Santiago Amor tamén asegurou que é importante a mellora da sinalización entre a cidade de Santiago e os núcleos de Milladoito e Bertamiráns así coma o tráfico. Segundo o candidato popular de Ames é imprescindible levar a cabo conxuntamente “medidas reais e efectivas en materia de reciclaxe, aparcamentos, sinalización e melloras medioambientais”. Amor cre que este comezo de acordo vai dar bos froitos para os veciños da comarca e que é un bo momento para falar de colaboración leal e institucional.

A rolda de prensa deuna o candidato popular de Santiago Xerardo Conde Roa, xunto cos candidatos do Partido Popular da comarca e zonas de influencia entre os que estaban ademais do de Ames, Santiago Amor, o de Teo, José Manuel Guerra, o de A Estrada, José López, Brión, Carlos Tomé de Trazo, José Dafonte do Val do Dubra, Juan Manuel Baleato do O Pino, Manuel Taboada e o de Vedra, Carlos Martínez Carrillo. O encontro cos medios foi na Cidade da Cultura, marco elexido porque representa o futuro, como as políticas comúns que queren desenvolver.

30.4.11

Temos un proxecto con 10 claras propostas para mellorar Ames


O Partido Popular de Ames porá tódalas súas forzas e ilusión en cumplir un decáloco de propostas para mellorar Ames e a calidade de vida de tódolos veciños. Queremos expoñer con claridade un proxecto feito para todos, velaiquí o noso decálogo:

Primeiro: Austeridade e racionalización do gasto dándolle prioridade sempre ós servizos básicos. Para elo unha das primeiras medidas que tomaremos será o saneamento das nosas contas e un Plan de Equilibrio Financieiro imprescindible para poder desenvolver tódalas políticas sociais de promoción do emprego, conciliación, melloras na educación etc.

Segundo: Levaremos a cabo proxectos con valor engadido como unha escola oficial de idiomas e unha escola superior de música.

Terceiro: Traballaremos para establecer as bases para crear unha gran área deportiva, empezando por levar a cabo un plan de mellora das instalacións actuais. Artellaremos un sistema de escolas deportivas que irán máis alá dos catorce anos para que as mozas e mozos de Ames teñan a posibilidade de seguir practicando a súa actividade deportiva favorita ata cando queiran.

Cuarto: Fomentaremos as políticas sociais de ocio e tempo libre orientadas ós nosos maiores e poremos todo o empeño en ter un Centro de Día.

Quinto: Poremos en marcha un estudo de viabilidade do transporte no rural de xeito que cumpla cos obxectivos marcados no Transporte Metropolitano para que o feito de vivir no rural en lugar de ser un problema, sexa un valor. Completaremos o saneamento e o abastecemento, coidaremos e restauraremos o noso patrimonio etnográfico.

Sexto: Levaremos a cabo a ampliación da depuradora de Sisalde en Bertamiráns xa que verte máis do 50% dos seus residuos sen depurar ó río Sar. Esta sensibilización polo medio natural xa foi recollida polo grupo municipal popular, que presentou unha iniciativa no Pleno da Corporación solicitando do grupo socialista a tramitación coa maior bevedade posible da súa ampliación. O Alcalde de Ames gardou a nosa iniciativa nun caixón renunciando á posibilidade de que a súa ampliación fora financiada con fondos europeos. Dende o PP levaremos a cabo coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Infraestructuras e Augas de Galicia a súa ampliación.

Séptimo: Implantaremos progresivamente todos os trámites administrativos que se poidan, de xeito que se poidan facer vía Internet. Para evitar que haxa cidadáns de primeira e cidadáns de segunda levaremos as novas tecnoloxías ó rural do noso concello.

Oitavo: Coa colaboración da Consellería de Medio Rural faremos un plan anual para o acondicionamento e o mantemento das pistas do noso Concello procurando que se entreguen as zonas de concentración parcelaria que aínda están pendentes de rematar como a de Viduido-Bugallido.

Noveno: Faremos unha xestión urbanística transparente e efectuaremos as modificacións puntuais do Plan Xeral que sexan precisas para acadar solo dotacional e así facer posible a construcción da escola infantil e a gardería de Bertamiráns, a escola infantil de Milladoiro, e por suposto, para a urxente posta a disposición dos terreos para o centro de Saúde do Milladoiro.

Décimo: Faremos un regulamento de participación cidadá para que tódolos veciños podan ter voz nos plenos ordinarios que se celebren cada mes no noso concello. Do mesmo xeito, nese regulamento quedarán fixadas as visitas e encontros nos locais sociais así como a súa periodicidade.

Este decálogo de medidas só serán posibles se o vindeiro 22 de Maio obtemos a maioría absoluta necesaria para gobernar. Podes confiar en nós.

28.4.11

Cheo absoluto na casa da Cultura de Bertamiráns na presentación da candidatura do Partido Popular de Ames


A lista dos populares de Ames fórmana homes e mulleres ilusionados que queren que Ames deixe de ser unha cidade de proxectos para ser unha cidade de realidades

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, a Conselleira de Mar, Rosa Quintana, o Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández e o Secretario Xeral do PP e Delegado da Xunta pola provincia da Coruña, Diego Calvo, arrouparon a candidatura de Santiago Amor.

Ames, 25 de abril de 2011. O candidato popular á alcaldía de Ames, Santiago Amor, estivo arroupado por conselleiros, representantes do Partido Popular, alcaldes doutros municipios, deputados autonómicos e por veciños que se quixeron achegar a coñecer a candidatura e as propostas dos populares para o concello de Ames.

Santiago Amor dixo que “coller un concello con débedas e sen solvencia, e administralo con rigor, para sacalo adiante falando coa xente e solucionando problemas é un reto que só se pode facer dende un único proxecto”, dende o proxecto do PP de Ames. Ames precisa un goberno forte e non dous débiles.

No seu discurso, o candidato popular amiense, Santiago Amor, tamén afirmou que da parálise económica debida á nefasta xestión feita polo bipartito e polo alcalde socialista e motivada polo despilfarro durante os anos de bonanza, soamente se sae coas propostas do grupo popular. Santiago Amor presentou un decálogo de propostas para a vindeira lexislatura entre as que salientou a austeridade e racionalización do gasto dandolle

prioridade ós servicios básicos e ó saneamento das contas do concello cun Plan de
Equilibro Financieiro. Os populares tamén levarán a cabo proxectos como
unha escola oficial de idiomas e unha escola superior de música, a ampliación da depuradora de Sisalde en Bertamiráns, a construcción dunha escola Infantil e unha gardería en Bertamiráns, e a posta a disposición dos terreos para o Centro de Saúde e a construcción dunha escola de Infantil en Milladoiro.

Santiago Amor dixo que fomentarán as políticas sociais de ocio e tempo libre e porán todo o empeño en ter un Centro de Día en Ames. O equipo do PP de Ames non se esquecerá do Rural e coa colaboración da Consellería de Medio Rural prevé facer un plan anual para o acondicionamento de mantemento das pistas do Concello.

Ademais de Santiago Amor tamén interviron no acto Ramón García Argibay, o número dous da lista, Manuel Ferreiro Santiago, número seis, Bernardo Moar Míguez, número sete e María González Gómez, número dez. A lista do populares en Ames compóñena en total vinteseis homes e mulleres ilusionados que loitarán para que Ames deixe de ser unha cidade de proxectos e pase a ser unha cidade de realidades.

O Conselleiro de Medio Rural e veciño da localidade, Samuel Juárez, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, o conselleiro de Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, e o Secretario Xeral do PP e Delegado da Xunta pola provincia da Coruña, Diego Calvo tamén tiveron palabras de apoio para a candidatura amiense, na que confían plenamente.