
Hoxe rematan para o Partido Popular de Ames catro anos de traballo na oposición. Foron catro anos nos que nos esforzamos por traballar pensando sempre no interese dos veciños e as veciñas de Ames. Catro anos nos que tivemos acertos, e tamén erros, porque todos somos humanos. Pero ante todo, hoxe remata unha etapa de constancia e traballo na nosa labor política.
Dende que me interesei pola política a miña obsesión foi sempre facer algo polos demais, polas persoas que máis o necesitan. Nesta etapa na oposición a principal motivación que tiven foi a miña paixón por Ames, por este concello no que vivo e no que formei unha familia, moveume a paixón por esta terra que tantos recordos me trae e na que vivín o mellor da miña vida e moveume a idea de facer máis por Ames.
Non tódolos políticos somos iguais, non tódalas persoas somos iguais e eu creo que o Partido Popular de Ames merece unha oportunidade para demostrar que as cousas se poden facer mellor. Hoxe rematan catro anos nos que o noso motor foi a esperanza de poder facer máis polos veciños e veciñas de Ames.
Fai algo máis de quince días comezaba a campaña electoral, eran as últimas liñas dun gran capítulo, e hoxe chegamos ó punto final. O que máis desexamos o meu equipo e máis eu é ser a primeira letra dunha nova historia. E precisamente a ese equipo que me acompañou nestes anos e nestes últimos días nos que nos esforzamos o máximo posible por transladalle o noso proxecto e as nosas propostas a todo o mundo, quero agradecerlle a súa labor.
Grazas a todos polo voso traballo e polo voso apoio.
Agora só queda esperar, por diante temos unha xornada de reflexión na que espero que, polo menos, todo o mundo decida ir a votar. Simplemente pido que vaian a votar, temos un dereito polo que moitos loitaron no pasado, temos unha democracia e o dereito de elixir ós nosos representantes. É certo que dende a clase política temos que reflexionar e corrixir o que estamos facendo mal, pero o do voto e un dereito fundamental que todos debemos aproveitar.
Pola miña parte, se gaño as eleccións este domingo, o primeiro que farei será sair á rúa e dar as grazas, logo, poreime a traballar xunto ós meus compañeiros, xunto a persoas de inmellorable valía profesional e persoal por e para todos vós.